SOBRE A POESÍA VISUAL, CREO


Non sei verdadeiramente se foi a arte correo a que nos levou á poesía visual ou se foi esta a que nos trouxo aquela; o certo é que na rede de arte de arte correo flúen en mutación constante todas as variadas manifestacións artísticas contemporáneas formando un polimorfo e ricaz arquivo de códigos de creación artística que expresan unha nova comunidade de referencia: a desfeita dos xéneros e a conversión das imaxes en simples signos. Da información saltamos á comunicación. O medio é a mensaxe. Esta nova mirada expresa unha nova maneira de pensar. A arte deixa de ser unha relixión para pasar a ser un simples medio de comunicación.

A desconfianza nos códigos clásicos, no canon, nas xerarquías establecidas sobre a trascendencia, sobre a historia da literatura e corolarios, a dúbida, o sentido irónico e a descontextualización dominan os pulos de representación contemporánea. Trátase de ir máis aló das apariencias a través dun xogo barroco visual e/ou conceptual, de desprenderse da metafísica, do pulo relixioso que anima á literatura e á arte no seu sentido clásico. Trátase do fragmentarismo, de fogonazos, de “disparos de luz”, como di Antonio Gómez.

A imaxe sae do museo, sae da selección, sae da xerarquía, sae do mercado e, por tanto, da idea do autor e dos currícula como palancas do plusvalor. Todos fican coma obxectos metapoéticos: