| Programa |inicio |


 Ryosuke e Murakami visitan Casas Novas, concello de Rois, A Coruña (Turquía)

 

       

 

Os artistas correo xaponeses, Ryosuke Cohen e Kazunori Murakami visitaron GaliZia os pasados días 3 e 4 de agosto. As Casas Novas, unha pequeniña aldea do concello de Rois, provincia de A Coruña, foi unha das escalas desta longa e apretada viaxe dos mailartistas nipóns por terras ibéricas. O apretado programa de visitas a outros traballadores da rede internacional de arte correo forma parte do programa RETRATO FRACTAL, prolongación da actividade continuada de Ryosuke, BRAIN CELL, follas serigrafiadas en formato A3 enviadas a ese estenso nó de relacións que é o Mail ARt.

 
O Fractal Project, realizado noutros paises e con diferentes mailartistas, consiste na realización de dous retratos, un de perfil e outro do corpo nú no chan, sobre o tapiz dun Brain Cell confeccionado para a ocasión.

O proxecto é a expresión dunha nova concepción da arte e do novo papel do creador encarnadas no labor do mailartista: non selección, non xurado, non comercio, traballo de rede, compromiso, non artista, non curricula...

O carácter singular desta viaxe á Península debémosllo ao caos do aeroporto do Prat, onde os nosos amigos perderon as maletas e o material necesario para a realización do proxecto. Logo dos primeiros días de nerviosismo e tralas xestións emprendidas polos compañeiros Miguel Jiménez, Antonio Gómez e Valdor e Javi, puideron recobrar a calma e mudar a estratexia: cambiar a tinta e o lapis pola fotografía.

Aquí en Rois procuramos aproveitar o pouco tempo de estadía e en ofrecerlle o que mellor puidemos: casa fonda e visita turística por Santiago de Compostela e A Coruña. O xantar, dobremente típico, típicamente galego e típicamente xaponés: xureliños, xoubas, xardas e, para rematar, polbo e pinchos. As fotos, as consabidas para nosoutros: na devesa da igrexa, na casa, na fachada da catedral de compostela e nos cantóns coruñeses.

Superamos a timidez inicial e as dificultades lingüísticas coa recíproca vontade de comunicación nun inglés con acento galaico-xaponés . Deixámolos a iso das tres no aeroporto de Alvedro, logo da insistencia de Ryosuke.

Ryosuke e Murakami forman parte xa desta nosa gran familia, tal e como antes o fixeron
Marta Bosch, Tartarugo, Pedro Gonzalves, Ramón Cruces e Baudhuin Simon. Para Begoña e para min e sobre todo para Xulia, Ánxela e Tumanna serán algo máis que visitantes accidentais. Amigos mailartistas, eslabóns da gran rede da ARTE POSTAL, ARTE CORDIAL.

Saúde e realidade.

 

 

CORPORACIÓN SEMIÓTICA GALEGA

lois gil magariños

Casas Novas, Rois, 9 de agosto de 2006